REINAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DEDICADA A PEDRO GUIMAREY

REINAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DEDICADA A PEDRO GUIMAREY

A reinauguración da Exposición dedicada a Pedro Guimarey tivo lugar o venres 10 de abril de 2026 no Centro Cívico de Canido, organizada conxuntamente pola Asociación Veciñal de Canido, a Asociación Sociocultural Muíño do Vento e a Sociedade Deportiva e Recreativa de Canido, coa colaboración do Concello de Ferrol.

O acto supuxo a recuperación dunha mostra que xa fora presentada neste mesmo espazo no ano 2018, dentro do labor desenvolvido pola ASC Muíño do Vento para rescatar do esquecemento a figura de Pedro Guimarey Filgueiras. O reencontro coa Exposición permitiu volver traer á memoria colectiva a traxectoria humana, cultural e política dun home comprometido coa sociedade ferrolá durante os anos da Segunda República e asasinado en setembro de 1936 por mor das súas ideas republicanas.

A exposición, que mantén a estrutura e contidos da presentada en 2018, continúa ofrecendo un percorrido pola biografía de Pedro Guimarey, polas súas afeccións e relacións humanas, pola actividade literaria e xornalística, así como polo seu compromiso político e social e pola represión que acabou coa súa vida.

A inauguración contou coa intervención de Antonio Casal, investigador e membro de Ferrolterra Antiga, quen afondou no significado histórico e humano da figura de Guimarey, salientando a importancia de iniciativas que contribúan á recuperación da memoria democrática e cidadá.

No acto estivo presente tamén unha representación da familia de Pedro Guimarey, nun momento especialmente emotivo e cargado de significado, que serviu para renovar o recoñecemento público á súa figura e para fortalecer os vínculos entre memoria familiar e memoria colectiva.

Tras a presentación, as persoas asistentes realizaron un percorrido polos paneis da Exposición, instalada no Centro Cívico de Canido entre os días 10 e 20 de abril de 2026.

Con esta reinauguración, as entidades organizadoras continúan a teimar na necesidade de manter viva a memoria de Pedro Guimarey e de todas aquelas persoas que representaron os valores da liberdade, da cultura e do compromiso coa sociedade.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *