Gravados rupestres no norte da provincia da Coruña

O día 9 de xuño, na sede da SGHN, Alberto López Fernández, do Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos, impartiu esta interesante charla.

O “Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos” é unha asociación cultural sen ánimo de lucro fundada en Ferrol en 1991, que ten como fins a investigación, inventariado, divulgación e preservación do patrimonio histórico-arqueolóxico.

Os coñecidos como petróglifos (de Petro = pedra e glypho = gravado) son unha das manifestacións máis peculiares da arte rupestre ao ar libre no noroeste da península ibérica, que veñen sendo estudados dende principios do século XX.

Durante moitas décadas, o seu estudo centrouse na provincia de Pontevedra e na franxa costeira da provincia da Coruña que vai dende o sur (Rianxo) cara ao norte (ata Carnota), mais dende 1988, no que localizaron un petróglifo nas inmediacións da Ermida de Chamorro (Ferrol), as tornas foron mudando e un intenso labor de campo levado nestes últimos 28 anos deu como resultado a localización de máis de 190 paneis con gravados, nun ámbito xeográfico comprendido entre Ferrol e Betanzos, nos que destacan 132 paneis no concello de Vilarmaior e 42 paneis no concello de Irixoa.

Todos os gravados forman parte do denominado Grupo Galaico da Arte Rupestre; a maioría das representacións localizadas ata o de agora son xeométricas (cazoletas ou coviñas, circulos simples, círculos concéntricos, espirais etc.), nas que sorprende o tamaño dunha combinación de nove círculos concéntricos de 158×144 cm. Tamén cómpre reseñar as catro representacións de figuras antropomorfas que non teñen paralelo dentro da arte rupestre galega.

Hoxe en día, o Corpus de petróglifos, grazas ao traballo desinteresado de moitas persoas e asociacións culturais, foi aumentando de maneira máis que notable xa non só en número, senón que podemos atopar gravados nas catro provincias galegas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *