Gravados rupestres no norte da provincia da Coruña
O día 9 de xuño, na sede da SGHN, Alberto López Fernández, do Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos, impartiu esta interesante charla.
O «Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos» é unha asociación cultural sen ánimo de lucro fundada en Ferrol en 1991, que ten como fins a investigación, inventariado, divulgación e preservación do patrimonio histórico-arqueolóxico.
Os coñecidos como petróglifos (de Petro = pedra e glypho = gravado) son unha das manifestacións máis peculiares da arte rupestre ao ar libre no noroeste da península ibérica, que veñen sendo estudados dende principios do século XX.
Durante moitas décadas, o seu estudo centrouse na provincia de Pontevedra e na franxa costeira da provincia da Coruña que vai dende o sur (Rianxo) cara ao norte (ata Carnota), mais dende 1988, no que localizaron un petróglifo nas inmediacións da Ermida de Chamorro (Ferrol), as tornas foron mudando e un intenso labor de campo levado nestes últimos 28 anos deu como resultado a localización de máis de 190 paneis con gravados, nun ámbito xeográfico comprendido entre Ferrol e Betanzos, nos que destacan 132 paneis no concello de Vilarmaior e 42 paneis no concello de Irixoa.
Todos os gravados forman parte do denominado Grupo Galaico da Arte Rupestre; a maioría das representacións localizadas ata o de agora son xeométricas (cazoletas ou coviñas, circulos simples, círculos concéntricos, espirais etc.), nas que sorprende o tamaño dunha combinación de nove círculos concéntricos de 158×144 cm. Tamén cómpre reseñar as catro representacións de figuras antropomorfas que non teñen paralelo dentro da arte rupestre galega.
Hoxe en día, o Corpus de petróglifos, grazas ao traballo desinteresado de moitas persoas e asociacións culturais, foi aumentando de maneira máis que notable xa non só en número, senón que podemos atopar gravados nas catro provincias galegas.