Conferencia “10 de marzo do 1972” por Rafael Pillado Lista

Os acontecementos do 10 de marzo de 1972 foron un fito na historia do noso País. Para o seu coñecemento e divulgación programamos a conferencia “10 DE MARZO. FERROL NA HISTORIA DO MOVEMENTO OBREIRO”.

Invitado como relator conferenciante tivemos a Rafael Pillado Lista, protagonista en primeira liña daqueles acontecementos.

Como cerne do seu relatorio, Pillado mantén que o 10 de Marzo non foi unha explosión casual, senón que xa dende o ano 1966 se viñan acumulando forzas que amosaban capacidade de loita organizada, salientando as Agrupacións Cristiáns, as Comisións Obreiras e o Partido Comunista. Dende 1966 son significativas en Ferrol as grandes mobilizacións de OBRAS CIVILES (arredor de oito mil manifestantes na rúa), PYSBE, PENINSULAR MADERERA, FENYA, ASTANO, BAZÁN… chegando a un punto en que Ferrol era zona de máxima preocupación para a Ditadura.

Expón Rafael Pillado cómo estes movementos de reivindicación se estaban a dar en momentos de durísima represión. Foi necesario organizarse sindicalmente. Chégase á conclusión de participar no Sindicato Vertical dende Comisións Obreiras; utilizar as eleccións do Sindicato Vertical e, dende dentro, fortalecer o movemento obreiro democrático, dando a coñecer líderes que veñen traballando clandestinamente dende tempo atrás, presentando alternativas distintas ás oficiais, levando propostas e organizando aos traballadores, facendo agromar un novo sindicalismo que, especialmente na BAZÁN, se vai asentar axiña e pouco e pouco gañar grandes espazos de poder.

Expón Pillado que ao 10 de Marzo chégase despois de moitas loitas .A última, por un novo Convenio de Bazán, que en Ferrol, dado o grao de organización, podería romper as propostas oficiais. O día 8; rexeitamento do acordo asinado. O día 9; despidos, paro, asembleas, carga policial, peche da factoría.

Relata Rafael os acontecementos do 10 de Marzo, e mantén a tese de que o Réxime quixo aproveitar a mobilización para acabar co movemento obreiro en Ferrol, provocando un gravísimo enfrontamento, a sabendas do que podía pasar, xa que o día anterior o capitán da policía pide reforzos que dende A Coruña son rexeitados. Marcha cara a Caranza e a traxedia: Amador, Daniel e centos de feridos. Cidade sitiada, dor e perplexidade. E a solidariedade que axiña percorre a cidade e, decontado, todo o País e o mundo enteiro.

Resume Pillado que o 10 de Marzo foi una data histórica que amosou a forza do movemento obreiro organizado e foi achega importante na caída do Réxime franquista. Mais tamén aínda ten que ser hoxe un referente para todas as persoas e organizacións que estean polo progreso e o cambio social.

GALERÍA DE FOTOS

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *