PRESENTACIÓN DO LIBRO: XOGOS TRADICIONAIS GALEGOS PARA TEMPOS DE RECOLLIDA

PRESENTACIÓN DO LIBRO: XOGOS TRADICIONAIS GALEGOS PARA TEMPOS DE RECOLLIDA

            O mércores 25 de xaneiro tivo lugar, como actividade conxunta da Asociación Veciñal de Canido e a ASC Muíño do Vento, a presentación no Centro Cívico do libro Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida. A muiñeira Carmen Cuesta deu inicio ao acto no que participaron Secundino García Mera, do Museo Etnográfico da Capela; Xabier López García, do Centro de Interpretación de Brinquedos, do CEIP Mosteiro de Caaveiro da Capela; e Antón Cortizas Amado, como colaborador do libro presentado.

        Tratábase non só de dar a coñecer o libro propiamente dito, senón a importancia que o xogo tradicional ten, como recurso formativo, como transmisor de valores necesarios para un maior e mellor desenvolvemento humano da infancia, e como parte do patrimonio inmaterial da nosa cultura. E da necesidade de divulgar esta parte da nosa cultura, tan esquecida e desaparecida da vida lúdica da nosa infancia. A orixe deste libro está no traballo desenvolvido durante o confinamento obrigado pola pandemia, por diferentes persoas e entidades pertencentes ao Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, que a través da web www.xogostradicionais.gal quixo botar unha man para que as crianzas e rapazada de idade escolar puidese recrearse e pasar mellor o tempo de confinamento con diversos xogos e brinquedos tradicionais que se poden practicar e construír no interior dos respectivos domicilios. Para iso fóronse describindo día a día as normas de diversos e variados xogos e brincadeiras, e mesmo a construción de brinquedos sinxelos para os que non se precisan materias nin ferramentas especiais, e que se poden desenvolver co que temos a man na casa.

            Pasado este tempo de confinamento, e dado o interese dos materias presentados, pensouse nao interese que podería ter tamén a edición en libro dos materias descritos, cousa que se conseguiu mercé á Deputación de Lugo.

            Secundino García Mera, como alma e semente do Museo Etnográfica da Capela expuxo as orixes do museo, que naceu no CEIP Mosteiro de Caaveiro, da Capela, polo traballo de recolla etnográfica de obxectos, utensilios e ferramentas de todo tipo realizada polo alumnado ao longo de varios cursos. Desta recolla, naceu tamén a fermosa exposición de brinquedos  que enche os corredores da propia escola.

            Pola súa parte, Xabier López García, mestre que foi tamén do CEIP Mosteiro de Caaveiro,  e motor impulsor do Centro de Interpretación Brincar, do mesmo colexio, explicou o labor que dende hai varios cursos vénse desenvolvendo no centro educativo de divulgación e transmisión da nosa cultura lúdica infantil polo propio alumnado que, alén de contar coa ludoteca do xogo tradicional e practicar o xogo popular durante os tempos de lecer da xornada escolar, desenvolve a actividade semanal de divulgación do xogo tradicional a outro alumnado de centros educativos de toda Galiza, que semanalmente acoden en visitas programadas á Capela para gozar da práctica dos xogos tradicionais explicados e dirixidos polo mesmo alumnado.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *