Presentación do libro «Radiando Memoria.Un percorrido alternativo polo Ferrol dos séculos XIX e XX.» da Asociación Cultural Ferrolterra Antiga

                                                

O pasado día 4 de xaneiro, contra vento e marea, fixemos a presentación do libro editado pola nosa Asociación Radiando Memoria. Un percorrido alternativo polo Ferrol dos séculos XIX e XX. Libro de autoría colectiva debido fundamentalmente ao esforzo de tres historiadores novos que, utilizando a identidade da Asociación Cultural Ferrolterra Antiga, desenvolven no noso contorno unha actividade cada vez máis consistente e relevante: Antonio Casal Velázquez, Manuel Pita Gómez e Rubén Labisbal Pérez.

No libro participaron tamén, Lucía Brage e Laura Sueiras, responsables do primeiro capítulo Unha epidemia de cólera en Ferrol (1854-1855), así como Marcos Abalde, responsable do prólogo titulado Como barqueiros do Volga. Tamén é destacable a labor de corrección e homoxeneización ortográfica e gramatical realizada por Antonio Yáñez. Os propios autores redactan un capítulo de agradecementos que vai ao final do libro.

O libro naceu a partir do programa de radio que dirixe César Pita, Unha tarde no Muíño, no que quincenalmente participaban os integrantes de Ferrolterra Antiga abordando diferentes aspectos da historia local. Unha vez decidida a súa publicación seleccionáronse nove capítulos entre as dezasete emisións que se realizaron desde o 24 de setembro de 2018 ata o 17 de xuño de 2019.

A edición do libro foi atrasada en case un ano polos efectos da pandemia e os diferentes obstáculos que houbo que ir vencendo ata chegar á súa materialización.

Como novidade hai que sinalar que esta foi a primeira presentación que se realizaba simultaneamente en “streaming” quedando así gravado e conservado na rede para facilitar o acceso de calquera persoa que non puido acudir ao acto presencial. O enlace que permite ver e escoitar a gravación do acto é https://www.youtube.com/watch?v=0Eq-3_4ZEZc&t=27s

Alí poderedes ver a presentación a cargo de Rafa Aguirrebengoa, e as intervencións de Laura Sueiras, Rubén Labisbal, Antonio Casal e Manuel Pita.

Tal e como se indica no Saúda de Muíño do Vento, escrito por Carmen Cuesta no comezo do libro, un dos obxectivos da nosa Asociación é a difusión da nosa cultura entendida como algo próximo e vivo. Un dos temas que se tratan nel é a xa citada epidemia de cólera que se sufriu en Ferrol nos anos 1854 e 1855. Laura Sueiras sinalou o inesperado e a actualidade dun tema que foi redactado nun momento moi diferente ao da súa lectura. No momento da súa redacción nin contabamos nin esperabamos que, ao final, pasariamos pola experiencia que a pandemia da COVID-19 está a inflixirnos como especie.

Trátanse tamén aspectos como as celebracións populares de Defuntos ou do Entroido, algúns apuntes biográficos sobre Francisco Suárez, Santiago de la Iglesia ou Pedro Guimarey Filgueiras e a participación ou o xeito como se viviron en Ferrol determinados acontecementos internacionais ou incidentes da vida política española, como a Gran Guerra, o pronunciamento coñecido como a Septembrina ou a proclamación da II República española.

En grande medida, é desde o local como millor podemos recoñecernos como parte dun barrio, dunha localidade, unha cidade, comarca ou nación determinada. O espazo que se describre, as comunidades e as persoas sobre as que se fala, están intimamente relacionadas coa nosa propia biografía, a nosa historia persoal. É desde o coñecemento desa historia local que nos recoñecemos colectivamente, que adquirimos consciencia da nosa historicidade e somos quen de xerar un marco nos que podemos entender, ou cando menos iniciarnos no entendemento, da importancia e necesidade de participar na construcción dunhas estruturas socias das que somos partícipes.

Finalmente, para os bibliófilos hai que sinalar que esta primeira edición é unha edición limitada e numerada. Práctica esta que puxemos en marcha por primeira vez co catálogo publicado con motivo da exposición fotobibliográfica que dedicamos á figura de Pedro Guimarey Filgueiras.

ENLACE Á PRESENTACIÓN EN YOUTUBE

GALERIA DE IMAXES

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *