Presentación do libro «Os restos do franquismo en Galiza» de Manuel Monge

Juan Cardona, Barrié de la Maza, Juan Antonio Suánzes, Gonzalez Llanos Caruncho, son todos eles nomes propios mais ou menos familiares, cos que se denominan espazos cotiás como parques, hospitais ou, mesmo, rúas do noso barrio. Pero as biografías tras estes nomes soen ser menos coñecidas. Nalgúns casos, o noso coñecemento restrínxese a breves trazos dalgunha faceta destacada na vida destes homes. Por exemplo, deste ou daquel sabemos que foi empresario de éxito, que un conta cunha estatua ou cunha fundación.  En definitiva, que foron figuras importantes, e de aí os recoñecementos recibidos.

Trátase, case sempre, dunha visión parcial e superficial, carente de contextualización e que, por tanto, impide entrever os motivos políticos e ideolóxicos que motivaron estas homenaxes.

Todos estes nomes aparecen recollidos, xunto a outros moitos, no último libro do sociólogo Manuel Monge, integrados nunha listaxe que constata a pervivencia, no espazo público das nosas vilas e cidades, dunha enorme e diversa cantidade de simboloxía e conmemoracións da ditadura franquista.

Alza o autor unha voz de denuncia ao respecto en Os restos do franquismo en Galiza (tal é o título do libro) sinalando a forma incoherente e pouco sistemática coa que se ten procedido a eliminación todos estes testemuños da pretérita ditadura ou a exclusión aleivosa de certos elementos ou de partes das súas biografías que, de forma pretendida, procúranse desvincular da súas conexións franquistas.

Chéganos a Canido o último libro de Manuel Monge (foi presentado no Centro Cívico o pasado 7 de outubro), nun momento no que observamos como, en diferentes partes do mundo, estase a cuestionar o relato da supremacía masculina e branca, plasmándose este rexeitamento na remoción das estatuas de vellos colonizadores e escravistas. Este eventos conxúranse para lémbranos a ineludible tarefa, a de fundamentar uns alicerces sobre os que construír unha sociedade verdadeiramente democrática, necesariamente contrapostos a exaltación de pasados imperialistas ou fascistas. Porque xulgar o pasado non é o mesmo que cuestionalo, porque a única Historia que valga a pena é aquela que se achega ao pasado de forma crítica, de tal forma, que sexamos quen de afondar verdadeiramente nel, e de eludir os relatos e visións interesadas que deste se nos ofrecen. Desta forma estarémonos dotándonos de ferramentas para ollarnos a nós mesmos e noso presente dende perspectivas moito mais amplas. Porque o resto son historias.

GALERÍA DE IMAXES

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *