Presentación do libro “A rota do oeste” de Henrique Dacosta

O pasado 4 de xullo presentamos, no Centro Cívico, diante dunha nutrida asistencia o libro “A rota do oeste” de Henrique Dacosta. A mesa do acto estivo constituída polo propio Henrique, por Antón Cortizas que, dirixiu o acto, realizando unha entrevista a Henrique e por Rafa Aguirrebengoa que se encargou do saúdo inicial e a presentación destas dúas benqueridas persoas polo noso barrio e a nosa Asociación.

Atendendo á nota editorial que acompaña a edición do libro, a novela é unha sorte de road movie literaria na que o lector verase mergullado nunha “vertixinosa aventura de persecucións, contrabandistas, enganos e dilemas éticos”.

Henrique Dacosta, profesor de lingua galega e literatura, colabora habitualmente no suplemento Nordesía do Diario de Ferrol e ten xa unha abundante obra literaria e ampla relación de colaboracións con artigos e investigacións en revistas e xornais como Agalia, A Nosa Terra, Ferrolanálisis, Crónica de Ferrolterra, Cátedra, Columba, O Sil, Ólisbos, Poesía Galicia, Kallaikia, Elipse, etc. Tamén participou como relator en distintos congresos e xornadas sobre a lingua galega.

Antón Cortizas, autor e investigador, tamén implicado profundamente na defensa da lingua e na actividade cultural e asociativa do barrio, dirixiu a entrevista encamiñada a facernos coñecer mellor a Henrique e o seu proceso creativo rompendo con ese meigallo que fai aparecer aos escritores e escritoras galegas sen contexto, sen universo cultural histórico concreto, sen nada que o ligue a outra tradición que non sexa á xenérica referida á lingua, tal e como denunciara no seu día Manuel Forcadela desde as páxinas da revista  “A trabe de Ouro”

Ao longo do acto Henrique puido subliñar que a actividade literaria realízase no seo dunha colectividade. Sen ese elemento colectivo, sexa cal sexa, deixaría de ter sentido calquera exercicio de creación literaria. Mesmo as obras que acaban nun caixón só acadan sentido de seu se logran ver a luz, para iso se concibiron e con ese fin se construíron.

Do compromiso da obra e do mesmo Henrique con Galicia e coas letras galegas non hai dúbida. Xa tivemos ocasión de presentar en xuño de 2018 a obra publicada pola nosa Asociación “O día que ao Carlos lle fora mal e alí xa soubemos da afinidade que ten con autores como Rafael Dieste ou Eduardo Blanco Amor.

Finalmente, ao longo da súa exposición e animado e dirixido polas preguntas de Antón Cortizas, fóronse vertendo algunhas notas sobre as súas opcións ortográficas e estilísticas, ademais de deixarnos entrever algunha faísca iluminadora do proceso creativo e o traballo que está detrás de toda obra literaria.

 

GALERÍA DE FOTOS

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *