I Certame do Literatura Infantil e Xuvenil Muíño do Vento

Indomita e a semente da inmortalidadeO pasado 20 de xuño, ás 8:00 da tarde presentamos no Centro Cívico de Canido o libro de Alex Mene, “Indômita e a semente da inmortalidade” que resultou gañador do I Certame do Libro Infantil e Xuvenil que convocou a nosa asociación.

No acto participaron Rafael Aguirrebengoa, secretario da Asociación, que se encargou de facer unha pequena recensión da obra, Antonio Yáñez, escritor , quen analizou a situación da edición do libro infantil de xuvenil en Galicia e Alex Mene, autor da obra gañadora, que nos deu a coñecer algunhas das claves do proceso creativo pólo que chegou á presentación final da súa obra.

Trátase dunha obra literaria que se move polas lindes da narrativa oral, a narración escrita e a fábula.

Destaca pola capacidade de evocar outras historias, animar no noso interior imaxes case que arquetípicas, gravadas na imaxinación dos que xa temos outras lecturas pero, sobre todo, coa habelencia e a potencia de gravar esas mesmas imaxes na imaxinación dos máis novos. Trátase de literatura que evoca literatura.

Os libros que conseguen materializar ese obxectivo, son como o engado ou a ensenrada que chaman a atención e te conducen a outros mundos cheos de luz e cor.

Poderíamos concibir a imaxinación dos máis novos como unha pequena táboa coa súa superficie cuberta por unha capa de cera. E poderíamos imaxinar a narración coma ese punzón que, guiado pola vontade do narrador, grava nesas pequenas táboas palabras, ideas, imaxes e conceptos. Así é como se transmitía o coñecemento xa hai máis de 2000 anos entre os adultos e dende os adultos para os máis novos.

Pois ben, o libro de Alex Mene, é un libro evocador por excelencia e, por iso mesmo, un gran instrumento para acercar a literatura aos primeiros lectores. É un libro que bebe das fontes da imaxinación que fomos construíndo socialmente ao longo de séculos, ao calor do lume dos fogares e nos centros de difusión da cultura.

Da literatura oral recolle elementos máxicos como a intemporalidade e a indeterminación xeográfica. E presenta para uns e rememora para outros esas imaxes poderosas que fixaron na escrita xentes coma os Irmáns Grimm, Andersen ou Perrault entre outros. Faíscas luminosas como a faba máxica, os zapatos de charón ou a frauta máxica capaz de engaiolar e anular a vontade dos ratos.

Pero tamén podemos atopar imaxes que nos achegan ao outros ámbitos literarios aínda que non sexa máis que mediante a evocación de títulos como “O corazón das tebras” de Joseph Conrad ou “A sombra cazadora” de Suso de Toro, ou mesmo o comezo do diario de Indómita, que se aproxima ao comezo dun libro tan enorme coma o “Moby Dick” de Hermann Melville (basta comparar a fórmula escollida para o seu inicio: O meu nome é Indómita/Chámame Ishmael).

Desde logo, a imaxinación dos lectores e lectoras non quedará con sensación de fame: poderá tratar coa “sombra furtiva” (que a min tróuxome a imaxe desa nave utilizada por Calen Marek, ou Starkiller, aprendiz de Darth Vader), con espazos perdidos como Shangri-Lá e tamén con mulleres vampiro nos arredores dun castelo, lobishomes ou pastoras fermosas que parecen meigas.

A quen non lle gustan as historias desveladas nun diario atopado… Ou esas outras historias que están na xénese dunha viaxe a procura dun fin. Fin necesario para a persoa que viaxa, ou para a sociedade que o envía, ou para todos ao mesmo tempo.

O libro, como todo libro que reúna talento e calidade, é susceptible de múltiples lecturas e usos. Non teme insinuar ou mesmo enunciar temas de filosofía ou de física, de ciencias naturais e de sistemas ecolóxicos, de síntomas que anuncian a crise deses sistemas e de factores que os modifican…

Ou, dándolle outra lectura, un libro que fala da organización social, da importancia dos nomes, das tomas de decisións colectivas, da democracia directa, do poder exercido con autoridade e sen autoritarismo, da transición no goberno, etc…

E todo iso, sen saírse do exercicio narrativo. Unha historia breve, amena e chea de chispazos que avivan a imaxinación. En fin, paga a pena coñecer e facer que os mais novos coñezan a: Indómita, intrépida exploradora e delicada bailarina.

GALERÍA DE FOTOS

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *