GARCÍA NIEBLA: ENTRE A INNOVACIÓN PEDAGÓXICA E O COMPROMISO CIDADÁN
GARCÍA NIEBLA: ENTRE A INNOVACIÓN PEDAGÓXICA E O COMPROMISO CIDADÁN
O xoves 21 de marzo tivo lugar na biblioteca do Colexio de Pazos a conferencia ¨García Niebla. Entre a innovación pedagóxica e o compromiso cidadán” que impartíu o historiador Guillermo Llorca Freire.
Comezou o relator con referencias ao libro editado pola AC Muíño do Vento e tamén con referencia á inclusión do mestre García Niebla na escolma de Cen ferroláns.
Amosa tamén a súa ledicia por ver como o Colexio de Pazos pasa a nomearse dende este 21 de marzo ¨CEIP de Pazos. Mestre García Niebla¨.
Continúa a charla con referencias biográficas e o análise do contexto histórico no que van desenvolverse os traballos de innovación pedagóxica. Tamén a relación coa Institución Libre de Enseñanza, sobre todo con Giner de los Ríos e Cossio.
Fronte a unha escola tradicional,reaccionaria,autoritaria e inzada de relixiosidade, unha proposta de escola viva e liberadora no que o alumnado sexa protagonista. Un ensino que vaia máis aló das aulas e abra as programacións a excursións, e saídas escolares, visitas a monumentos, centros de traballo…unha escola para a vida. Unha escola xunguida ao amor pola Natureza, nomeadamente as árbores. O mestre García Niebla organiza e teima na celebración da Festa da Árbore en Ferrol. No ano 1913 moviliza e anima a participar a toda a comunidade educativa na plantación de perto 2.000 árbores. Xunto a escolares, pais e nais, veciñanza, representantes académicas e municipais, miles de persoas que logo da plantación cantan o “Himno ao árbore” acompañados da banda de música. Actos semellantes realizáronse por todo Ferrolterra, salientando os celebrados en Pontedeume, Fene, Ares, Limodre, Maniños,…Aínda hoxe na Feira do Dous consérvanse árbores plantados nestas Festas.
Sinala LLorca o compromiso cidadán de García Niebla. Deste xeito, colabora en distintas publicacións, imparte conferencias, pasa a formar parte das Irmandades da Fala, colabora coas Escolas Laicas …
A chegada da República da pulos ao seu activismo en defensa da escola nova e ao seu compromiso cidadán.
Por todo o seu labor recibe recoñecementos e homenaxes de alumndo e xentes populares .
Todo quedou morto coa chegada do fascismo. Proxectos e xentes.
O mestre García Niebla despois de ser detido e levado ao Buque Prisión Plus Ultra foi conducido ao Castelo de San Felipe onde foi fusilado sen ningún tipo de xuizo. O seu cadáver, foi enterrado nunha foxa común no Cemiterio de Canido.
Remata a charla cun coloquio no que a xente presente amosa a súa alegría polo recoñecemento que a Comunidade Educativa do CEIP de Pazos ten co Mestre García Niebla e lembranzas de nais que cantaban sendo menos os alí presentes o “Himno da Árbore”. E aplausos e grazas ao relator e historiador,Guillermo Llorca, pola súa conferencia e disposición para a realización dos actos.