Conferencia «A Revolta das Pedradas»

O xoves 5 de abril tivo lugar no centro social de Canido unha conferencia sobre “ A Revolta das Pedradas”. Unhos sucesos bastante descoñecidos até que hai un ano foron rescatados por unha comisión comarcal feita para lembrar os cen anos dos acontecementos. Neste periodo houbo  vintedous atos en diferentes lugares da comarca para explicar e dar a coñecer esta revolta. A edición dun libro sobre revoltas na restauración na Galiza, a investigación sobre as mortes que atualmente e aínda de xeito provisorio documenta 10 casos, a construzón de un monumento na feira do Trece en Narón, o contacto con familiares das víctimas e a posta en valor dos sucesos fan parte do traballo feito até agora.

Dentro desta xeira a conferencia no noso local, con Olaia Ledo, documentalista e Xam López, historiador, é un fito máis. Ali explicaron as causas, feitos e consecuencias desta revolta popular. A fame provocada pola carestía e o acaparamento dentro do contexto da I Guerra Mundial, a gripe coa súa enorme mortandade, a tradicional luita contra un sistema inxusto de propiedad, os foros, a enorme e discrecional carga impositiva, os trabucos, a corrupción política e falta de democracia da I Restauración… Salientaron a presenza determinante das mulleres nos acontecementos, verdadeiras protagonistas, o sindicalismo agrario das Sociedades, as luitas contra os foros e o caciquismo. Focalizaron no mes de marzo de 1918  os feitos, con inicio na fábrica de velas de Neda, as manifestacións en Ferrol, con dous mortos, a solidariedade obreira e os sucesos máis graves en Sedes, na feira do dia 13. Explicaron a extensión do conflito a todo Ferrolterra, con piquetes nos fielatos de Ferrol, no porto, nas estacións de tren, nomeadamente no concello de Fene.

Houbo acordos sobre limitacións de prezos, tiveron que dimitir os alcaldes de Narón e Ferrol, asi como o xefe da policía local na cidade. Houbo máis de 150 detidas , a maioría mulleres. Os foros foron  redimidos en 1926 e en 1932 na II República española , sería erguido un monumento na Feira do Trece, posteriormente derrubado en 1936, polos fascistas.

O monumento actual foi inaugurado recentemente e houbo diferentes actos e celebracións ali no centenario . Na nosa cidade esta pendente a colocación dunha placa no lugar onde se produciron os dous asasinatos no día 11 de marzo de 1918.

GALERÍA DE FOTOS

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *