CELEBRACIÓN DO ANIVERSARIO DE MUÍÑO DO VENTO

CELEBRACIÓN DO ANIVERSARIO DE MUÍÑO DO VENTO

Como cada 25 de abril, a nosa Asociación celebrou algúns actos de conmemoración. E algúns deles, como xa ven sendo tradición, estiveron vinculados á lembranza do 25 de abril, data na que o pobo portugués se sacudiu o fascismo de enriba e iniciou un proceso revolucionario de carácter socialista que serviu de anuncio do que estaba por vir tamén na Galiza, na España que atravesaba a súa longa noite de pedra e, sobre todo, de impulso para sacar ao noso país irmán dunha etapa, xa moi longa, de escuridade e ditadura. Tamén é a data na que o pobo italiano celebra o día da derrota do fascismo en 1945 (L’anniversario della liberazione d’Italia, festa della Liberazione ou simplemente il 25 aprile). Algo que, tendo en conta o acaecido nos últimos tempos,  débenos facer pensar sobre a importancia da memoria histórica.               

Viñamos de celebrar, o día 22 de abril, a nosa comida de aniversario nas instalacións da SRD Canido, e de dedicar o noso programa radiado semanal “Unha tarde no Muínho” do luns 24 a lembrar ese 25 de abril de 1974 en Portugal. Para rematar este programa, no Centro Cívico, co espazo asignado para o seu desenvolvemento cheo de participantes, Antón Cortizas presentou unha conferencia na que, o noso amigo Francisco Faraldo, falounos do significado e evolución posterior dese 25 de abril de 1974 e dirixiu a audición dalgunhas das cancións que resultaron relevantes para o período.

Grândola, vila morena, Ronda do soldadinho, Tourada, O galo é o dono dos ovos, A nau Catrineta, Eu vi este povo a lutar, Nova do vento que passa, Os vampiros, Pedra filosofal foron as cancións que escoitamos e recordamos a Zeca Afonso, Jose Mário Branco, J. C. Ary dos Santos, Fernando Tordo, Sérgio Godinho, Fausto Bordalo Dias, Manuel Alegre, Adriano Correia de Oliveira, Antonio Gedêao e Manuel Freire, cantautores e compositores que animaron e contribuíron a construír a banda sonora dun camiño para á liberdade que non se termina de percorrer nunca pero que sempre nos enche de ilusión e ánimo.

Rematamos o acto saíndo do Centro Cívico, dirixíndonos ao Xardín do 25 de Abril e cantando, con máis ánimo que acerto melódico (todo hai que dicilio), o Grândola, Vila morena. Canción que serviu de contrasinal para iniciar o levantamento contra o réxime fascista portugués hai xa 49 anos. 25 de Abril, sempre! Fascismo, nunca mais!

IMAXES DOS ACTOS

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *