Agromantes, de Cora Peña
Agromantes, de Cora Peña
O venres 22 de outubro, nun acto organizado pola Asociación Veciñal, Muíño do Vento e o Hospital de día de psiquiatría de Ferrol , asistimos no Centro Cívico Canido á proxección de Agromantes.
Agromantes é unha mestura entre a ficción e o documental. Non se encadra en ningún destes campos dun xeito tradicional.
A través da teatralización mostra anacos da vida dos protagonistas, que son persoas que teñen unha enfermidade mental. Aparecen dramatizadas as súas relacións familiares,as relacións cos profesionais da saúde mental, coa medicación, coa sociedade… E como a partir de aí chegan a crear unhas redes de apoio mutuo e a facer un activismo de rúa para conseguir visibilizar o desamparo e a incomprensión coa que se encontran os enfermos mentais.
Este documental, estes enfermos protagonistas non fan unha traxedia dos seus problemas, só falan en primeira persoa das autolesións, dos pensamentos delirantes, das emocións, da hipermedicación, dos ingresos ou do estigmatizadas que están as enfermidades mentais.
Ao visionado do documental seguiulle un interesantísimo coloquio no que tamén apareceron os puntos de vista dos profesionais da psiquiatría, das familias, que non atopan ferramentas de apoio e doutros enfermos mentais asistentes, que expoñían á súa vez a problemática da saúde mental neste momento: os ingresos hospitalarios, o tempo que os psiquiatras teñen para cada paciente ou a ausencia de terapias.
O documental remata con unha frase moi significativa: “Non se volveu tola. Saíu da personaxe”. Isto reflicte moi ben a pretensión de Cora Peña nesta curtametraxe, que é mostrar unha visión crítica, diferente, sobre as enfermidades mentais e levar a voz destas persoas á sociedade, onde non se escoita.
Verdadeiramente, os protagonistas agroman creatividade.