Eliseo Zaera Ríos

O pasado 22 de novembro, comezaron os nosos Parladoiros ao Serán. E foi este primeiro parladoiro un fermoso acto que tivo lugar no local da Sociedade Galega de Historia Natural. Tratábase de recuperar experiencias, de contar, de lembrar, de facer Historia.

E sen dúbida foi o que fixo, de xeito moi emotivo, ELISEO ZAERA RÍOS que, arredor da lareira e mentres o mestre Antón mantiña vivo o lume, engaiolou á veciñanza de Canido coas súas vivencias de infancia, os seus internados, as súas viaxes, estudos, traballos…: a súa vida. Arredor do lume e do conto contado, algúns dos alí presentes  facíanse participes daquelas vivencias .Outros e outras de seguro lembraron e sentiron emocións. Foron memorias dun neno chamado Eliseo, nado en Santiago, criado en Carantoña e, despois de casar con Dolores, hoxe veciño de Canido.

O Parladoiro acabou como rematan sempre os parladoiros, é dicir, desexando acender o lume para o próximo encontro, e, camiño da casa, lembrando e comentando as vidas do Eliseo, que puido nacer en Canido, mais…

Eliso nace o 11 de abril de 1939 en Santiago de Compostela.

-Ao mes xa o levan para Carantoña (Leiro–Miño–A Coruña) onde seu pai, D. Pascual, era Mestre Nacional na escola unitaria situada no lugar de Montés (aínda existe, cuberta de hedras).

-Até os nove anos viviu en Leiro, fronte á Igrexa parroquial da que foi acólito con D. Leopoldo, crego que ten a súa historia; …despois casou (o crego). Aprendeu Eliseo as primeiras letras e números co seu pai e na escola de D. Pablo, que a tiña detrás da parroquia. Viviu esta infancia totalmente integrado no rural, participando en todas as actividades do entorno: sementes, colleitas, mallas, matanzas, etc. Acompañou o seu pai, tanto á escola -ás veces-, coma á caza e aos arredores, a onde ía poñer inxeccións pois tamén era practicante.

-1948: Aceptou a oferta (o seu irmán maior rexeitouna) de ingresar interno no colexio dos xesuítas da Guarda (Pontevedra), á beira do Miño, fronte Portugal, onde botou catro anos inesquecibles.

-1952: Pasa ao Colexio de S. Zoilo, de Carrión de los Condes (Palencia), para continuar a formación, camiño, en principio, do Noviciado dos xesuítas en Salamanca, e facer 4º, 5º e 6º dun Bacharelato mixto (letras e ciencias) moi completo; por exemplo, estudaban Latín e Grego dende Ingreso, con nove anos.

-En 1952 xa a familia vivía en Ferrol, a onde trasladaran ao seu pai como mestre no Colexio Ibáñez Martín, nas Casas Baratas, onde lles concederan unha -das máis grandes- por ser familia numerosa (eran 12 irmáns).

-1954: Morre seu pai en Ferrol, e só, con quince anos e á metade do curso, chega a tempo ao enterro. De volta ao colexio, mentres espera máis de dúas horas na estación de Palencia polo autobús que o leve a Carrión, fuma o seu primeiro cigarro, un Bisonte que lle senta fatal.

-1955: Final do último curso en Carrión de los Condes. Con dezasete anos acabados de cumprir, recoméndanlle pasar un ano coa familia, para asegurar a vocación. Vive nas Casas Baratas, xunto con oito irmáns e a súa nai, asumindo sen decatarse un papel case de cabeza de familia.

-1956: Despois de resolver os trámites para convalidar os estudos (o colexio dos xesuítas non tiña recoñecemento oficial), cursa 6º e Reválida no Instituto de Ferrol, aprobando con notable e iniciando o Preuniversitario de Letras, que aproba no 57 na Universidade de Santiago.

-1957: Chámano para substituír a un profesor de Ingreso e 1º curso (Gramática e Aritmética) no Colexio Tirso de Molina de Ferrol, onde dá clases dous cursos a grupos de 50 alumnos (un pola mañá e outro pola tarde). Ao mesmo tempo, daba clases particulares de Latín, para axudar á delicada situación económica da familia.

-1959: O pai de dous alumnos do Tirso, aos que tamén axudaba na súa casa, proponlle traballar na empresa de pesca e elaboración de bacallau PEBSA, da que el era delegado. Aceptou.

-1960: Ingresa na PEBSA, dentro do recinto de ASTANO; segue estudos de Filosofía e Letras (por libre) na Universidade de Santiago; intégrase na Acción Católica, onde chega a ser Delegado Diocesano de Aspirantes, nunha actividade semellante aos Boy Scouts, e xunto ao crego Rico Basoa, ex traballador de Bazán, desenvolve o labor formativo e lúdico dos pequenos de AC.

-1964: Logo de participar na vida social da cidade, como calquera mozo de vinte e poucos anos, casa na Domus, baixo o ministerio do bispo Argaya (D. Jacinto Argaya Goicoechea) cunha guapa moza de Canido, Dolores Landeira Vargas.

-1968/70: Participa activamente no Sindicato Vertical, sendo delegado na empresa e elixido para negociar en Madrid o Convenio Interprovincial de Empresas do Bacallao. Tamén a finais dos 60, matricúlase na Escola de Peritos Navais, que se estableceu no Instituto de Ferrol e onde se implantou unha quenda de clases de tarde/noite para traballadores. Rematou co título de Enxeñeiro Técnico Naval o ano 1975, xa en ASTANO.

-1971: Por reaxustes na empresa e acordos do Grupo Barrié de la Maza, pasa a ASTANO, onde traballa no Departamento Técnico (control de laminados) e no 79, unha vez que lle que recoñeceron o título de Grao Medio, é nomeado xefe do Taller de Tubos, con 120 operarios e unhas instalacións modernas automatizadas.

-1974: Participa nunha experiencia, xunto con outros tres matrimonios, de vida comunitaria nunha antiga mansión en Timiraus (Valdoviño).

-1976: Seguindo en ASTANO, co tránsito do 75 á democracia, afíliase á USO, sindicato no que participa activamente e do que chega a ser secretario local de Ferrol.

-1984: Participa activamente no proceso de RECONVERSIÓN do Sector Naval. Viaxa aos EE.UU. e México, co propósito de instalar en Ferrol unha fábrica de tubos que non prosperou. Asume responsabilidades na segregación da División Industrial de ASTANO, na que era o xefe do taller de tubos, para transformala na Empresa de Bens de Equipamento IMENOSA (Industrias Mecánicas del Noroeste, S.A.), constituída a finais de 1985, participando no seu equipo directivo como comercial. Durante 6 anos viaxa por case todo o mundo: Europa, África, América (Norte e Sur) e Asia.

1992: Novo proceso de Reconversión. Prexubilación aos 63 anos e xubilación en 1995.

1995: Asume a Presidencia do ATENEO FERROLÁN, no que bota 16 anos. Dende esta responsabilidade, ademais das tarefas propias do cargo, establece relacións con Ateneos de España, Portugal e Iberoamérica (asumindo persoalmente as custas dos desprazamentos). Dentro destas relacións hai que salientar que o ATENEO FERROLÁN figura como membro fundador de AIFA (Asociación Iberoamericana y Filipina de Ateneos), asociación que se preparou en reunións mantidas en Madrid (Ateneo de Madrid), Valencia (Ateneo de Valencia), Gijón (Ateneo Jovellanos) e Lisboa (Ateneu de Lisboa) e foi consolidada e proclamada en México (Ateneo Español de México) no ano 2001 coa representación de catorce Ateneos internacionais e a participación do presidente do Ateneo Ferrolán. No ano 2012, coa renovación da directiva do Ateneo, pasa a ser vicepresidente.

Esta é unha síntese da vida (e milagres) de Eliseo Zaera Ríos, somentes para ter unha idea das súas actividades, episodios, relacións, viaxes, etc. deste home. Apertas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *