Presentación do libro «Entrada ao xardín do saber» por Henrique Dacosta

O xoves 26 de marzo, no salón de actos da SGHN, tivo lugar a presentación do libro Entrada ao xardín do saber, do que é autor o profesor e escritor Henrique Dacosta.

Realizouse a presentación a xeito de entrevista, xerando un animado debate literario entre os presentes na mesa: o editor Miguel Toval e o autor do libro. Deste debate escolmamos as seguintes ideas:

Entrada ao xardín do saber presenta tres tramas que mesturan a investigación, a literatura, a filosofía, a política… nun mundo de realidade, mais tamén de ficción.

V. Risco, Aurora, Hildegart son personaxes principais, salientables pola súa enorme personalidade “poliédrica”, que fai deles personaxes novelables, tremendamente atractivos para o escritor.

O Risco católico, sempre pendente do Diaño, temeroso de Deus. Risco, cun percorrido vital dende o nacionalismo e o esoterismo ata o seu conservadurismo e inhibición diante do franquismo. Risco, personaxe de novela.

Aurora R. Carballeira, muller racionalista, que dicía ter capacidade para controlar o seu embarazo dende a súa mente, que non é quen de soñar, que ten unha ampla información intelectual, que concibe a Hildegart como un “produto científico” programado para a perfección, a revolución, o socialismo. Mais tamén a Aurora participante nos círculos da Teofisia. Aurora, personaxe de novela.

Hildegart, nena predeterminada que, por imposición, sempre foi muller. Moza dunha brillantez intelectual extraordinaria e con recoñecido prestixio, vai morrer con dezanove anos a mans de quen considerou que non cumpría o deseño programado. Hildegart, personaxe de novela.

Tres personaxes de novela inseridos nunha historia complexa, intensa e chea de acción.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *