Parladoiro ao serán coa cooperativa «Os Mapuches»

O xoves 14 de marzo, no local da Sociedade Galega de Historia Natural, fixemos o noso cuarto parladoiro, que tivo de protagonista á cooperativa Os Mapuches, un proxecto de traballo comunitario en hortas urbanas.

O acto estivo dividido en dúas partes. Na primeira, falouse das vivencias de Domingo Seivane Ramos, promotor desta iniciativa, que fixo un repaso da súa inqueda vida, dende o seu nacemento en Bretoña hai oitenta anos, ata o seu labor actual coordinando a cooperativa, pasando polo seu ingreso no seminario de Mondoñedo sendo aínda un neno; o servizo na parroquia de Santa Icía (Foz); o seu traballo en Angola entre os anos 1956 e 1962, de onde foi expulsado a causa dos conflitos políticos daquela época convulsa; o seu abandono do sacerdocio, ou o seu activismo xunto os veciños das Enchousas na loita do ano 1984 para impedir que varias familias fosen botadas das terras que traballaban dende tempo inmemorial.

Na segunda parte, falouse da cooperativa Os Mapuches, nome que tomaron os membros do colectivo en homenaxe ao grupo indíxena chileno e arxentino que reivindica a devolución das súas terras. Cunha introdución de André Martínez, promotor da creación dunha horta urbana no barrio de Caranza, e a participación doutros membros da cooperativa, iniciouse un diálogo co público asistente, no que se foi perfilando o que ten de positivo o traballo na cooperativa, que na actualidade dispón en Canido de terras que fan unha superficie total de 40 ferrados: contribúe á economía familiar, mantén as persoas desempregadas activas e dentro do mercado laboral, permite consumir alimentos tratados exclusivamente con produtos ecolóxicos e derruba os prexuízos da nosa sociedade cara ao traballo no campo.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *