I Premio «Muíño do Vento» de Textos de Contraportada

O sábado 4 de maio, a praza do Cruceiro de Canido encheuse de amigos e amigas que quixeron celebrar a entrega dos premios do certame literario Inventa unha flor, e do I Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada.

O sábado 4 de maio, a praza do Cruceiro de Canido encheuse de amigos e amigas que quixeron celebrar a entrega dos premios do certame literario Inventa unha flor, e do I Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada. Dende o cruceiro, flanqueado por dous Maios e convertido en escenario, o escritor Antón Cortizas presentou os actos, que contaron coas actuacións dos nenos e nenas do coro da ANPA do colexio Cruceiro de Canido, da Quadrilha de Campo de Chao, do gaiteiro Antón Varela, do grupo de baile Mario Escudero e de Mundo Piruleta Teatro.

Dous alumnos de cada centro escolar leron cadanseus traballos e todos os premiados do concurso Inventa unha flor que acudiron á festa recibiron cadanseu caravel, un agradecemento simbólico pola súa participación no certame, ademais dun diploma que se entregou en cada un dos centros. Os traballos recolléronse nun libro dixital que se publicará nas páxinas web dos centros, na de Muíño do Vento e na daquelas asociacións, ANPAS, etc. que o desexen.

Por outra banda, Fernando M. Cimadevila recolleu o Premio de Textos de Contraportada polo texto da súa obra O mundo secreto de Basilius Hoffman: Un faro na escuridade, e pronunciou unhas palabras de agradecemento nas que, ademais de subliñar a importancia de todas e cada unha das partes dunha obra literaria, animou a celebrar máis xornadas lúdicas e literarias como a dese día.

Celia López leu a acta do xurado e Tomás González, o texto premiado, que di así:

Existe un lugar perdido no profundo da noite, unha cidade secreta sen casas nin edificios, só tellados, azoteas, faiados e chemineas, bufardas, campanarios, torreóns… A Cidade dos Tellados non ten rúas, só pontes e pasarelas, tubaxes e escaleiras que sortean o nebuloso mundo que existe baixo a súa superficie. Un segredo, tan antigo como o propio mundo, ocúltase tras este labirinto insondábel, pero para descubrilo, o profesor Basilius Hoffman e o seu sobriño Peter deberán enfrontarse á máis profunda escuridade, aquela que habita no noso interior.

Foron moitos os colectivos, e moitas persoas a título individual os que traballaron para que a festa fose posible: ANPAS, profesorado, alumnado, persoas socias de Muíño do Vento… Tamén hai que destacar a participación desinteresada de todos os artistas que ofreceron o seu bo facer. Para todas eles, o noso agradecemento. Por último, dende Muíño do Vento queremos agradecer a autores e autoras, así como a editoriais, a súa participación no premio e os moitos parabéns que nos transmitiron por convocarmos un certame que ten como único fin contribuír á visibilidade do libro galego e á súa promoción entre os lectores novos, o que nos anima a organizar unha segunda edición.

Rematou a xornada no lavadoiro do río Insua, cun xantar popular e reivindicativo da conservación e posta en valor do noso patrimonio. Ao longo da tarde resoaron mil cantigas para mil primaveras que  dende Grándola ata a Malata levaron harmonías de Maio de flores cuberto.

Actas do xurado…

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *