Documentario “Vieiros de Esperanza. Ricardo Carvalho Calero”, de Antón Rodríguez

O martes 28 de xuño, na sede da SGHN, proxectouse o documentario “Vieiros de Esperanza. Ricardo Carvalho Calero”, de Antón Rodríguez.

O acto contou coa presentación de Xosé María Dobarro, catedrático de Lingua e Literatura na Universidade da Coruña.

A obra foi escolmada como Premio ao mellor Proxecto de Fin de Grao en galego da carreira de Comunicación Audiovisual na Universidade da Coruña.

O título recolle o termo do primeiro libro de poemas escrito polo profesor Carvalho Calero en galego en 1931, Vieiros, e a esperanza, palabra que o intelectual ferrolán empregaba a miúdo en varias entrevistas sobre a nosa lingua; tamén a esperanza actual de que no presente se lle dedique un Día das Letras Galegas, un galardón que ten ben merecido e co que se faría xustiza despois de tantos anos reivindicándoo.

O documental, filmado en 2014 en Ferrol, A Coruña, Santiago e Lugo, dura 50 minutos e traza o percorrido vital, profesional e cultural de Carvalho Calero a modo de conversa entre doce persoeiros da cultura galega. Nos vindeiros meses proxectarase ao longo da xeografía galega, poñendo ao servizo do pobo un ben cultural de grande valor e utilidade.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *