Documental O Segredo da Frouxeira

O pasado venres 12 de abril organizamos nos locais da SGHN a proxección do documental O segredo da Frouxeira. Paulino Gasalla, colaborador e intérprete deste documental, fixo unha breve presentación explicativa do descubrimento de documentación, investigación e posterior plasmación destes traballos na formación da equipa para a filmación do documental, salientando a figura de Xosé Abad, o seu director.

Comezou a proxección e comezou o silencio. Silencio emotivo que era resumo das sensacións experimentadas polos asistentes, tal como expresaron no posterior diálogo que se estableceu ao remate. Paulino, Julita, José Eliseo…; actores deste documental responderon as preguntas do público asistente tanto nos aspectos técnicos da rodaxe como o mundo de sentimentos en que se viron envoltos dende as súas vivencias familiares.

No medio da emoción, dos duros recordos, das bágoas dalgúns dos presentes…, agradecemento polo esforzo en busca da verdade e o recoñecemento de figuras como Alejandro Porto Leis e tantos outros que deron a vida pola lealdade aos valores que representaba a República.

Sentimentos.

Hai uns 15 anos, decateime, por casualidade, de que na familia da miña muller había un represaliado na Guerra Civil, e o que me deixou atónito foi a resposta que se me deu á miña pregunta do motivo polo que fora fusilado, e cito textualmente: “Lo mataron por rojo”.

Pareceume inadmisible, polo que decidín investigar todo o posible sobre a súa personalidade e os acontecementos que lle ocorreron durante a Guerra Civil.

Atopei unha persoa eminentemente boa, cargada de cultura e compromiso para coa sociedade da época. Mais tamén dei con Modesto, Avelino e Jesús, tres persoas cunha característica común: un altísimo sentido da amizade e unha extraordinaria carga de humanismo, que os levou a perder ata a súa propia vida por axudar ao seu compañeiro e amigo.

Non quero deixar de mencionar nestas breves palabras, o extraordinario traballo de José Abad e o seu equipo no documental O Segredo da Frouxeira, que tanto nos axudou a coñecer a Alejandro, Modesto, Avelino e Jesús e ás familias entre si.

Quero agradecer tamén ao concello de Ferrol, ao seu alcalde e concelleiros, esta homenaxe que, sen dúbida, axuda a que todos, e en especial as familias, os sintamos máis cerca e recoñecidos pola sociedade.

Pero quedan aínda outros moitos por reivindicar, vítimas tamén dun réxime político ditatorial e perverso, polo que confiamos en que este labor continúe desde todas as administracións e organismos públicos, para poder recuperalos fisicamente, se é posible, así como a súa memoria.

A Alejandro, Modesto, Avelino e Jesús aínda non os recuperamos fisicamente -e seguramente non os recuperaremos nunca-, pero si están recuperados para sempre na nosa memoria e na das vindeiras xeracións.

Biografía.

Alejandro Porto Leis naceu en Serantes o 9 de xuño de 1897. Era o segundo fillo de Eduardo Porto Porto, natural de Santiago -que fora médico do concello de Serantes durante 28 anos ata o seu falecemento en 1922, e moi querido polos seus veciños dado o seu labor desinteresado de axuda aos máis necesitados-, e de Amalia Leis Suárez, natural de Muxía. Tiña dous irmáns, Leonor, a maior, e Eliseo.

Ingresou na Escola de Artes e Oficios de Ferrol no curso 1910-11, e consta no índice xeral de alumnos co número 3441; non existe o seu expediente académico xa que o tomo correspondente (consérvanse na actualidade no IES Rodolfo Ucha) está desaparecido.

A principios de 1913 trasládase a La Habana cunha tía, e de alí envía unhas coleccións de postais aos seus pais e irmáns. Con toda seguridade, en Cuba cursa os seus estudos de electricista, que vai exercer, ao seu retorno a Ferrol, na Construtora Naval (Bazán) e no Arsenal do Departamento Marítimo.

Dedícase á política dende o Partido Republicano Radical, e preséntase ás eleccións do 12 de abril de 1931, nas que sae elixido concelleiro e nomeado alcalde de Serantes. Exerce o seu cargo na defensa sen condicións dos valores republicanos, con todo tipo de enfrontamentos políticos, sociais, culturais, locais, familiares, relixiosos etc. Entre estes, cabe destacar o ocorrido no teatro de Serantes o día 27 de decembro de 1931: procedíase á constitución do comité local do Partido Radical, autorizado previamente polo Gobernador Civil, e, cando ía comezar o mitin, o alcalde suspendeu o acto e ordenou á Garda Civil a detención do orador, o avogado José Miñones. Outra detención moi destacada foi cando en marzo de 1933 ordena deter o párroco de Serantes, Salustiano Celerro, porque no toque de campás da Igrexa non se observaran nalgunha ocasión as normas municipais. Por unha destas detencións foi procesado pola Audiencia Provincial da Coruña o día 21 de setembro de 1933, no sumario 177/33, sendo suspendido no cargo de alcalde. O día 2 de xaneiro de 1934 preside o seu último pleno do concello.

O día 28 de xaneiro de 1934, casou con Gloria Santos Sánchez, matrimonio do que naceron dúas fillas.

Durante este tempo de suspensión, participou na creación en Serantes do novo partido Izquierda Republicana.

Durante os acontecementos revolucionarios de outubro de 1934, a Garda Civil detívoo como partícipe no incendio da Igrexa de San Xoán de Filgueira, sendo sobresida a causa por falta de probas, xa que o único argumento para a súa detención foi que “podría haberlo sido” (causa 226/34), e por posesión ilícita de armas, polo que foi sometido a consello de guerra sumarísimo que se celebrou en Ferrol, no cuartel de Zapadores, na noite do día 16 de outubro de1934. A detención produciuse do seguinte modo: Presentándose a Garda Civil no seu domicilio, pregúntanlle se ten unha pistola, ao que di que si, e amósaa coa súa correspondente licenza gobernativa para poder utilizala como alcalde de Serantes. Para mellor comprensión dos feitos, podemos ver a súa declaración na causa 190/34.

A sentenza do Consello de Guerra sumarísimo condénao a 15 anos de prisión menor polo delito de “Auxilio a la Rebelión Militar”; é de destacar o voto particular do vocal do Tribunal, o capitán de artillería don Manuel Espiñeira, que declara que debe absolver e absolve ao procesado. O 28 de febreiro de 1935, trasládano á prisión da Coruña en espera do seu traslado definitivo á prisión de Pamplona, á que o destinaran, mais á que nunca chegou a ir. O día 30 de maio de 1935, o Tribunal Supremo aplícalle un indulto parcial, ao considerar a pena imposta como excesiva. Condénao a un ano de prisión menor. O día 8 de xuño de 1935, póñeno en liberdade condicional. Foi amnistiado polo decreto do 21-2-36.

Por orde do Gobernador Civil da provincia, con data 13-11-34 procédese á suspensión preventiva da corporación municipal do concello de Serantes, que se fai efectiva o día 19-11-34, segundo consta nas actas municipais, e sendo nomeado o seu substituto, Andrés Barros Rodríguez. Polo tanto, Alejandro Porto Leis foi o derradeiro alcalde democrático do concello de Serantes antes da súa fusión con Ferrol en 1941.

Despois da posta en liberdade, retorna ao seu posto de electricista. Tras o estalido da Guerra Civil, foxe o mesmo día do seu comezo ao monte coñecido como A Pallareira, onde permanece uns días, e trasládase depois a San Xurxo da Mariña, á casa de Modesto del Río, de onde sae pouco depois para non comprometelo, permanecendo durante tres meses pola costa e nas illas Gabeiras. De aí foxe á súa casa, que se atopaba pechada, e agóchase nun cortello ata que pasa á casa de Avelino Landeira, en Santa Mariña do Vilar, onde está catro meses. Pasa despois á casa de Jesús Miño Lourido, na parroquia de Mandiá, onde permanece dez meses e de onde o expulsan, tras unha discusión co propietario da vivenda, o día 29 de xaneiro de 1938; e por atoparse moi enfermo -seguramente dunha enfermidade urolóxica ou dixestiva, que podería ser naqueles tempos xa terminal-, dirixiuse á casa do médico de Serantes Joaquín Fajardo. Mentres esperaba a ser atendido, o médico denunciouno, e é detido por falanxistas e entregado por eles á Garda Civil. Tras ser sometido por esta a “interrogatorio conveniente”, confesou todo o anteriormente descrito, o que se atopa como declaración na causa 64/37 aberta polos tribunais de Mariña, e na mesma causa aparece a declaración do capitán de artillería e mando das Milicias de Falange, José Mª Pagola Biriben, onde di que o día 1 de febreiro de 1938, en compañía dos membros da Garda Civil alférez Rubido, cabo Ramón Varela e garda Isidro García, así como dos membros de falanxe: xefe de centuria Francisco Montenegro, e os milicianos Rafael Carello e Luís Varga Cao, e do tenente de infantería de Mariña Eugenio Gutiérrez Ribera, conduciron os detidos Alejandro Porto Leis, Modesto del Río, Jesús Miño e Avelino Landeira a facer dilixencias, e que durante o traslado fuxiron ao grito de “¡Viva el Comunismo!”, sendo imposible a súa detención. Na noite do 1 ao 2 de febreiro, paseáronos en Valdoviño, nunha zona comprendida entre A Rotonda e as proximidades da lagoa. Recentemente, fixéronse catas na zona, dirixidas polo investigador Enrique Barrera, sen resultados positivos.

Literatura e xornalismo.

Entre 1930 e 1933, fai o seu labor literario e periodístico. Do primeiro, só temos coñecemento dun libro de poemas en galego (17) e en castelán (31) -de todos eles, 17 xa se publicaran en diarios como La Libertad, El Gráfico e La Democracia, titulado Intemperancias poéticas, do que, que saibamos, quedan dous exemplares, un deles na biblioteca da Real Academia Galega dedicado a Antonio Vilar Ponte. En 1932 escribiu unha novela curta titulada Cara Dura y los Gitanos, da que non temos coñecemento de que exista ningún exemplar.

A periodística comprende a etapa previa á súa elección como alcalde e os dous primeiros anos como tal. Escribe en varios xornais: El Correo Gallego, El Pais de La Coruña, El Gráfico ou Renovación, pero onde máis o fai, incluso con seccións habituais, é en La Democracia e en La Libertad. Para asinar os seus artigos usa moitas veces o seu nome e apelidos; ás veces, xúntaos –Portoleis-; outras, dálles volta –Sielotrop- ou usa as iniciais A.P.L.; mais son curiosos os seus pseudónimos, moitos deles só usados nunha ou dúas ocasións, e que van cubrir sobre todo a súa etapa de alcalde, tales como Reporter, Radio, Músico, Médium, Spio, Ecuánime Juan, Académico, Demócrata, Un Peisano, Justo Castigo, etc., pero de forma asidua utiliza en particular tres: Estudiante, o que máis, para opinión en xeral; Progreso, para unha sección de La Libertad chamada Entremeses, e El Romancero del pueblo, para outra sección de La Libertad en forma de cantares populares. Neles queda reflectido con nitidez o seu ideario político: demócrata, republicano e de esquerda; como tamén fai no seu articulo ¡ACLARANDO!, publicado no xornal La Libertad o 16 de outubro de 1930, en La Democracia, o 9 de agosto de 1930, ou pola sanidade e a saúde pública en xeral, nun bando publicado en El correo Gallego o 8 de setembro de 1931.

Defende sen concesións a natureza e en particular as praias de Serantes, que el xa chama “de Ferrol” en moitos artigos e poesías, e nun publicado con fotos en La Libertad o 6 de xaneiro de 1932, titulado Las incomparables playas de Serantes.

Preocúpao a situación da Construtora Naval (Bazán) en varios artigos, un deles en especial podería ser extrapolable en parte dos seus contidos aos nosos días, como é “¡¡Gallegos Alerta!!”, publicado en El Pais de La Coruña o día 29 de maio de 1932.

Tiña unha clara visión de futuro en aspectos como o turismo, a industria, o desenvolvemento sustentable e, en particular, a tecnoloxía, chegando xa a falar do futuro da televisión, como podemos ler no artigo Evolución, publicado en La Libertad o día 3 de agosto de 1930.

Propón a unión dos concellos de Serantes e Ferrol, o que consideraba moi positivo e de rápida execución, como vemos en Las playas de Serantes, publicado en La Libertad o día 14 de decembro de 1931.

É un defensor do Estatuto de Autonomía de Galicia, como fai nun poema en galego publicado en La Libertad o 6 de xaneiro de 1932 co pseudónimo de Un Peisano, e posteriormente no seu libro de poemas Intemperancias poéticas.

Na sección de Entremeses, que publicaba habitualmente en La Libertad co pseudónimo de Progreso, ofrécenos, comentarios e análises breves de problemática política de ámbito nacional e local moitas veces descarnado, e falando de si mesmo en terceira persoa. Todo isto algunhas veces faino en verso como podemos ler a continuación.

 

 

Alejandro Porto Leis foi, sen dúbida ningunha, un home excesivamente culto, avanzado e implicado para a súa época. Pretendeu desde o seu punto de vista cambiar a sociedade, xa que consideraba que a forza da razón todo o pode, pero esa sociedade non atendeu a razóns e pagouno coa súa vida do xeito máis cruel e inhumano, é dicir, con tortura física e psíquica, tanto para el como para a súa familia.

Se de algo serve, que estas liñas sexan dalgún xeito un recoñecemento a un home excepcional, e que todos, e en particular a súa familia, poidan velo publicamente dun xeito diferente. E ás súas fillas, en especial a MARUCHI, darlles as grazas por ter un pai como Alejandro.

Texto e fotos: Paulino Gasalla.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *