Conferencia de astronomía «Unha Viaxe Espacial» con Paulino Gasalla

O pasado venres, día 31 de maio, tivo lugar no salón de actos da SGHN unha charla-presentación titulada Unha viaxe espacial, presentada por Paulino Gasalla, Secretario Xeral da SGHN. Aos asistentes propúxoselles que durante a charla imaxinasen estar nunha nave espacial que os ía levar a percorrer o espazo coñecido, mediante imaxes espectaculares de obxectos do espazo profundo.

 Comezamos a viaxe na Terra para visitar a Lúa, o Sol, os planetas, os seus satélites, cometas, planetoides e demais obxectos do Sistema Solar, falando de cada un deles coas súas particularidades: distancia á que se atopan, órbitas, composición etc.

Penetramos despois na galaxia, onde falamos xa de anos-luz, e, mentres nos afastabamos, coñecemos e comentamos estrelas, supernovas, nebulosas, novas, cúmulos abertos, cúmulos pechados, galaxias satélites etc. Falamos sobre as cores das estrelas, cómo ocorren as supernovas, as particularidades das novas, os nacementos de estrelas, e a forma e dimensións da nosa galaxia, a Vía Láctea.

 Entramos despois nas profundidades do espazo profundo, entre centos e miles de millóns de anos-luz; visitamos galaxias, cúmulos de galaxias, cuásares, choques galácticos e, mediante unha animación, o futuro que lles espera á Vía Láctea e á Galaxia de Andómeda nun futuro moi afastado. Unha vez chegados aos confíns da viaxe, regresamos rapidamente á Terra, onde nos despedimos cunha imaxe dunha eclipse total de Lúa.

Finalmente abriuse unha quenda de preguntas na que comentamos as dimensións, o espazo-tempo, o final do Sol, a formación do Sistema Solar e outras moitas máis.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *