Conferencia «CINEMA GALEGO, CINEMA EN GALICIA, CINEMA EN GALEGO»

Brais Romero Suárez, que tal e como nos recordou estudiou no IES de Canido, é director da revista dixital “A Cuarta Parede” que se presenta como a primeira revista dixital en galego de crítica cinematográfica, autor de traballos como “Films From Galicia”, polo que obtivo o Premio María Luz Morales ao mellor Vídeo Ensaio Galego outorgado en xuño deste ano e o accésit ao ensaio escrito en galego con “O galego no cinema galego”. E autor tamén de traballos como “Cinema e pintura. Hedonismo e simetría”, “Idioma e Identidad en el Novo Cinema Galego”e “Low cost, crisis e cine en España”.

INTRODUCIÓN. Cal é a definición correcta?:

Para tratar de determinar a materia da que se ía tratar na conferencia comezou por deiferenciar os conceptos de Cinema galego, cinema feito en Galicia, cinema en galego. Para iso presentou algúns traballos relevantes de pensamento en torno á relación entre os conceptos de “identidade” e “cinemas nacionais”(Stuart Hall, Zygmunt Bauman, Stephen Crofts e Andrew Higson, entre outros) para rematar situando a empresa, no sentido máis amplo desta palabra, do cine en Galicia emtre ps “small cinemas”caracterizados por Mette Hjort como aqueles que se desenvolven en nacións cun PIB baixo, pouca poboación, cun territorio determinado e que sofren unha situación de dominio por parte doutra(s) cultura(s). Así pode caracterizarse o cinema galego por ter unha industria cinematográfica que non é competitiva co exterior, que pode facer uso dunha lingua propia, dominada por parte do cinema español e hollywoodiense, con movementos cinematográficos propios e unha industria audiovisual propia e independentes.

Unha cronoloxía para o cinema galego

Presentou a continuación un esquema da cronoloxía do cinema galego fragmentado en catro tempos: o período que vai desde 1975 ata 1999, o ano 1999 no que se aprobou por unanimidade unha lei do audiovisual, o período que vai desde o 2000 ata o 2009 ao que caracterizou como o período de construcción dun sector e o período que vai entre o 2010 e a actualidade ao que calificou co pesimista concepto do período do “desmantelamento”, xulgando as políticas públicas relacionadas co sector en termos moi duros, aínda que deixando espazos de esperanza para un sector que pese a todas as dificultades é capaz de concitar máis atención fóra dos espazos políticos, e mesmo xeográficos, nos que se desenvolve que dentro.

A lingua galega dentro do cinema galego

Desenvolveu algúns datos ilustrativos das políticas lingüísticas e as mentiras da industria cinematográfica, destacando que o galego só está presente no 30% das producións de ficción galegas e denunciando que os catálogos publicados por AGADIC coa finalidade de vender o cinema galego fóra, esquecen sistematicamente os filmes en galego. Denunciou tamén que Administración, autores e produtoras incumpran con frecuencia excesiva os requisitos explicitados nas convocatorias de subvencións que, por outra parte, sufriu enormes recortes neste tempo de crise.

Foi especialmente belixerante co que considera “a falacia do sector”: A lingua galega non se emprega no cinema porque non hai público para cinema en galego. Para iso aportou datos estatísticos e empíricos que desmenten esa afirmación.

Novos espazos para o cinema galego

A parte máis optimista da conferencia estivo vinculada aos espazos, que pese a todas as dificultades, é quen de atopar a creación cinematográfica galega presentando o que foi(?) o movemento Novo Cinema Galego, o papel xogado polos creadores galegos os festivais de cinema, a crítica cinematográfica galega… Citáronse os nomes de Eloy Domínguez Serén, Lois Patiño, Xurxo Chirro, Oliver Laxe, Xacio Baño, Pela del Álamo, Ángel Santos, Pablo Cayuela, Ramiro Ledo, Xan Gómez Viñas… títulos como Hamada, Ingen ko pa isen, Yellow brick road, Noite sen distancia, Fajr, Costa da Morte, Jeanette, Une histoire seule, Vikingland, Aquilo que arde, Mimosas, Todos vós sodes capitáns, Trote, Eco, Ser e voltal e experiencias como Curtocircuito, Novos Cinemas e, sobre todo, a experiencia pionera Numax, sen esquecer o nacemento de novos repositorios web.

Non faltou unha referencia ao papel que están a xogar as creadoras, aínda moi pequeno pero relevante, o seu paso desde a colaboración a dirección, o seu papel na investigación académica e a presenza da muller no cinema. Apareceron nomes como Carla Andrade, Diana Toucedo, Marta Pérez, Silvia Roca, María Soliña ou iniciativas como o impulso da Deputación de Pontevedra á mostra Cinema e muller que deu como resultado o fime colaborativo Visións.

Mencionou finalmente a experiencia revista dixital“A cuarta parede”fundada no 2011 por Eloy Domínguez e Víctor Paz e que dirixe na actualidade o relator desta conferencia.

Conclusións

  1. Na actualidade é imposible definir con certeza que é o cinema galego
  2. O cinema tense que posicionar respecto da lingua
  3. Estamos a vivir un desmantelamento político de todas as institucións que rodean ao cinema
  4. Innovación non é igual a precariedade
  5. Aínda neste clima contrario, están a xurdir novos espazos e creadores que seguen a traballar a prol do cinema galego

GALERÍA DE FOTOS

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *