Charla «Caraveis vermellos: unha viaxe ao 25 de Abril»

O venres 23 de abril, o viveirense Manuel López, gran coñecedor da Revolução dos Cravos, levounos ata o 25 de Abril de 1974.

Que pasou o 25 de abril de 1974 para que esta data forme parte da nosa memoria colectiva?

Partindo desta retórica, o relator, autor dos libros Camiño de escuma e vento e Lágrimas de Portugal, fixo un percorrido pola historia de Portugal, dende o Condado Portucalense ata o Estado Novo. As políticas dictatoriais de Salazar e Caetano empobreceron aínda máis o País levando as clases populares a unha situación de desespero e afastamento do Réxime, situación agravada polas interminables e antipopulares guerras coloniais.

O 25 de abril, a oficialidade nova do MFA vai comezar a Revolución, que axiña prende en gran parte do exército e na poboación, que de xeito apaixoado se bota ás rúas de ciudades e vilas de Portugal. Os caraveis vermellos de Celeste Caeiro agroman nas espingardas dos soldados que no Rossio esperaban ordes. Comezaba un tempo novo de ilusións e esperanzas para o pobo portugués e para o pobo da outra banda da raia, que baixo o franquismo vivía a Revolución dos Caraveis como irmandade e como necesidade. Os cantos de José Afonso voaron máis aló do Miño e foron acollidos como propios. E as impresoras do Avante, xa legalizado, imprimiron en Ferrolterra.

Moitos foron os nomes que ao longo da conferencia nomeou o relator. Máis especial foi a dedicación ao capitán Salgueiro Maia, que saíndo de Santarém vai lograr a adhesión das tropas de Lisboa, forzando xa á tardiña a rendición de Marcelo Caetano. Na madrugada de 25 de abril do 74, durante a parada da Escola Prática de Cavalaria (EPC), em Santarém, proferiu o célebre discurso: Meus senhores, como todos sabem há diversas modalidades de Estado: os estados socialistas, os estados capitalistas e o estado a que chegámos. Ora, nesta noite solene, vamos acabar com o estado a que chegámos! De maneira que, quem quiser vir comigo, vamos para Lisboa e acabamos com isto. Quem for voluntário, sai e forma. Quem não quiser sair, fica aqui!

Os 240 homes alí presentes seguiron a Salgueiro Maia. Expresión da vontade dun pobo.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *